Triste inauguración a que fago hoxe.
Nunha parte do territorio español, onde habita unha caste de seres curtos de estatura e aínda máis curtos de entendedeiras, o sentido común e o raciocinio foron defenestrados no interior de miles de pequenas urnas transparentes.
Non vou facer demagoxia, mais nestes catro anos sabemos que a política sociocultural e educativa experimentará un retroceso salvaxe e os traballadores sufriremos unha situación de desamparo que desembocará en centos de horas de consulta psicolóxica privada, claro.
Nunca me considerei socialista e sigo sen facelo agora. Tampouco nacionalista, nin de extrema esquerda, nin rabos de gaitas.
O meu grao de estupefacción medraba por momentos cando descubrín a orixe das falacias que se botaron contra o líder do PSOE e que non foron obxecto, desafortunadamente, de demandas por inxuria: falso o do despacho, falso o do gasto nos coches, etc. Catro anos de traballo polo miúdo sen comparecer e organizar paparotas con innumerables comensais pagadas con cartos públicos para asegurar o voto, tan propios dos amantes das gaivotas azul chapapote, custáronlle caros ao señor Touriño, quen sen se decatar ofreceu unha imaxe moi lonxana á austeridade que o caracteriza. A política, como a guerra, debe ser suxa e rastreira: iso é o que somos na Galicia da boina e o birrete, a dios orando y con el mazo dando, ou ben "os dous de sempre" que no noso caso é un e ben prehistórico; non resposta a verdades, realidades ou proxectos, senón a desprestixios baratos fundamentados en datos falsos e insultos descalificadores que non paga a pena pronunciar.
Simplemente escribo para expresar o meu sentido pésame ao agora ex-presidente de Galicia, un home íntegro que non se decatou de que a elegancia, a discreción e o bo facer non consitúen unha boa propaganda electoral, que a ética non pode loitar contra os iñorantes, e férridos e duros, imbéciles e escuros. As persoas que confíen exclusivamente na moral teñen un futuro cruento e ben curto na política galega. Sinceridade foi o que vin nos ollos asumindo a derrota, sinceridade na súa dimisión e mágoa por deixar esta Galicia en mentes podres que pretenden desfacela antes de que lles chegue ás mans.
E, por último, un grazas. Un GRAZAS INMENSO a eses PROGRES que nos enchen de paciencia e nos aprenden a amar a democracia. Sen eles non seriamos nada.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario